Produtora » Novas da Fundación TIC

26/04/2017

A TIC emitirá por cuarto ano en streaming o VI Concurso Lucus Intercentros que se celebra este xoves no IES Muralla de Lugo


-Alumnos, bolseiros e profesionais realizarán con catro cámaras a competición que se poderá seguir en directo en www.fundaciontic.org e www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana/

-Este certame de preguntas e respostas ten por obxectivo interrelacionar de xeito lúdico a alumnos e profesorado de Bacharelato dos sete institutos de Educación Secundaria da cidade de Lugo

A Fundación TIC da Deputación emitirá en streaming a sexta edición do Concurso Lucus Intercentros que se celebra este xoves, día 27 de abril, no IES Muralla Romana. Por cuarto ano consecutivo, alumnos, bolseiros e profesionais da TIC realizarán a transmisión online desta competición entre institutos que se poderá seguir a tempo real a través dun banner que se habilitará nas web da TIC www.fundaciontic.org e do IES Muralla Romana www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana/

A realización do certame será con catro cámaras para ofrecer en detalle a evolución da competición na que participan estudantes de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos de Educación Secundaria que hai na cidade de Lugo. Isto permitirá o resto de alumnos e profesorado destes centros seguir desde as aulas que ocupan habitualmente a participación dos seus compañeiros. Ademais, os que non poidan conectarse ese día en directo poderán ver o concurso en diferido días despois na canle do Youtube da TIC.

O certame é unha das prácticas do currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos, do Muralla Romana. Da súa organización ocuparanse alumnos de Administración e Xestión, coa colaboración do departamento de Informática, do CIFP Politécnico de Lugo, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e da Escola de Imaxe e Son de Lugo, EIS.

Xornada lúdica e educativa

O Lucus Intercentros busca relacionar a través dunha xornada lúdica aos alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo. Estes son: Anxel Fole, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes.

A colaboración da Fundación TIC nesta iniciativa é froito dun convenio asinado co IES Muralla Romana por un dobre obxectivo: promover as ensinanzas que se imparten no instituto lugués, e completar a formación dos estudantes da EIS cara a súa inserción laboral.

Concurso e premios

O concurso, que comezará ás 11.00 horas, no salón de actos do IES Muralla Romana, contará con probas eliminatorias. Cada centro presenta un equipo formado por 3 alumnos, que en dez minutos deberán contestar a unha decena de preguntas de cultura xeral, elaboradas polos profesores dos distintos departamentos do centro anfitrión. As cuestións tipo test e as respostas realízanse a través de ordenadores.

Ás 13.00 horas están previstas as probas de semifinais e a final. Media hora máis tarde procederase á entrega de premios aos gañadores. Os equipos que se clasifiquen nos dous primeiros postos recibirán unha tableta para cada un dos seus membros, o terceiro un auricular, o cuarto uns altofalantes, e haberá un accésit dotado cunha batería portátil.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet