Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

09/05/2017

O gañador de 3 Goyas Ángel de la Cruz e o comunicador Fidel Fernán, novos patróns da Fundación TIC da Deputación

  • archivos/fotos/grandes/3568_PATRONATO TIC-DEPUTACION 2.jpg

  • archivos/fotos/grandes/3568_PATRONATO TIC-DEPUTACION.jpg







-O Padroado aprobou a memoria de 2016, con máis de 1.100 actividades e un grado de execución do 91,81%

-O Presidente da TIC destacou a ampla e recoñecida traxectoria dos dous novos patróns e agradeceu o traballo e a implicación de Jorge Coira e Arturo Vaquero

- Campos dixo que “en 2016 a TIC traballou a prol dos lucenses a través de varias liñas de actuación: ensino de calidade, benestar dos maiores, apoio ao labor social do tecido asociativo, cooperación cos Concellos e promoción da provincia”

-A TIC mantivo a gratuidade da matrícula da EIS; tivo máis de 1.500 usuarios no InLugo; mantivo colaboración con 167 asociacións e potenciou a Lugo Film Commssion

A Fundación TIC realizou máis de 1.100 actividades en 2016, segundo se recolle na memoria aprobada este luns polo Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación. O Presidente de ambas entidades dixo que “a TIC traballou a prol dos lucenses a través de varias liñas de actuación: ensino de calidade, benestar dos maiores, apoio ao labor social do tecido asociativo, cooperación cos Concellos e promoción da provincia”.

O Padroado tamén aprobou a conta anual do exercicio 2016 cun grado de execución do presuposto do 91,81%, que ascendeu a 1.802.395 uros, incluída a encomenda da Deputación para xestionar o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia.

Ademais, nesta xuntanza procedeuse á renovación dos dous patróns expertos no sector. Tomaron posesión o cineasta Ángel de la Cruz, gañador de tres premios Goya, e o comunicador Fidel Fernán en substitución do director Jorge Coira e o músico Arturo Vaquero. Darío Campos agradeceu o traballo e a implicación de Coira e Vaquero, e gabou a traxectoria dos dous novos patróns, “ambos cunha ampla e recoñecida traxectoria no mundo audiovisual. Para nós é unha honra que formen parte do noso Padroado profesionais do nivel destes catro especialistas”.

Formación de calidade para a inserción laboral

A Fundación TIC mantivo a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son por noveno ano consecutivo. Este esforzo inversor reflectiuse na demanda: por oitavo curso cubríronse as prazas dos ciclos de Realización e Produción.“No que se refire á formación do alumnado da EIS, fíxose especial fincapé naquelas actuacións que proporcionan aos estudantes unha preparación en escenarios reais de cara a súa inserción laboral. Algunha das actividades organizadas polos alumnos tiveron unha destacada repercusión, como En Camiño contra a Violencia Machista, unha marcha na que participaron centos de lucenses”, apuntou o Presidente da TIC.

A prol do tecido asociativo

A TIC desenvolveu parte do seu labor social a través da colaboración con asociacións sen ánimo de lucro. O ano pasado mantiña convenio con 167 organizacións de diversa índole. Entre as incorporacións están Anasbabi Ciclopatías e Asociación Cultural Amigos do Folión. Elaboráronse reportaxes, DVD e vídeos promocionais para contribuír a dar maior difusión a actividades relativas, por exemplo, ao Alzheirmer, Síndrome de Down, cancro, autismo ou enfermidades raras. Entre os documentais destaca o primeiro feito sobre o escritor Avelino Díaz.

A TIC cos maiores da provincia

En 2016 participaron más de 1.500 usuarios nas actividades organizadas polo InLugo da TIC, e o número de solicitudes para os cursos con inscrición triplicou ao de prazas. En concreto, houbo 2.486 solicitudes para as 896 prazas dos 69 cursos que se impartiron na sede da entidade. Ademais destes obradoiros, destacaron outros dous programas: o banco de recordos Memoria Dixital e NutreTIC. Tamén acadaron grande éxito entre os maiores as xornadas de NadalTIC, Día Internacional de Internet e Día Internacional das Persoas Maiores.

Apoio aos Concellos

No capítulo de promoción da provincia destaca a colaboración con todos os Concellos da provincia coa difusión de actividades que organizan ou apoian e que contribúen á dinamización do rural. Realizáronse centos de produtos audiovisuais, entre outros, das festas do Viño de Quiroga, da Androia de Navia ou do Mel de Muras. Tamén de feiras como a de Artesanía e Antigüidades da Pontenova ou As San Lucas de Mondoñedo; e citas etnográficas como o Entroido Ribeirao de Chantada, a Queima das Fachas de Taboada e a Pisa da Castaña no Courel.

Tamén cabe subliñar o servizo público que a TIC ofreceu aos cidadáns coa emisión íntegra e en directo de todas as sesións plenarias, tanto ordinarias como extraordinarias, que celebrou o ano pasado a Corporación Provincial.

Lugo Film Commission

A TIC impulsou en 2016 o traballo desenvolvido a través da Lugo Film Commission, no que destacou o asesoramento na busca de localizacións, a tramitación de permisos de rodaxe e o apoio loxístico en producións como a rodaxe en Ribadeo da película portuguesa Bad Investigate. O ano pasado tamén realizou un exhaustivo traballo de documentación e arquivo fotográfico e de vídeo no que se recollen localizacións que poden servir de escenario a producións audiovisuais de toda índole.

Equipamentos á última en tecnoloxía

En 2016 acometeuse un importante esforzo inversor na modernización de equipamentos na EIS e no CPP para que, tanto os profesionais como o alumnado, estean á ultima en tecnoloxía. Esta renovación supón o paso do HD ao 4k e, polo tanto, unha mellora na calidade das imaxes. Destaca tamén a instalación dunha mesa de son na sala de realización, que substitúe á anterior de hai 15 anos, e que se destina á gravación e realización de programas e as clases prácticas do alumnado.

Novos patróns: recoñecida traxectoria

Ángel de la Cruz, gañador de tres Goyas, fixo a súa primeira produción comercial como guionista e director coa longametraxe de animación O bosque animado, á que seguiu O soño dunha noite de San Xoán, coas que gañou cadanseu Goya. Tamén escribiu a dirixiu Os mortos van á presa e foi guionista e produtor de Engurras, coa que acadou o Goya ao mellor guión adaptado. Actualmente produce a película de animación Memorias dun home en pixama, da que tamén é guionista, un proxecto co que está a colaborar a Fundación TIC.

Fidel Fernán, natural de Cospeito, ten unha dilatada traxectoria vinculada ao mundo da comunicación. Primeiro na Cadena Ser en Madrid e despois en Radio Lugo. Máis tarde conduciu diversos programas en TVE, TVG e RNE. En 1991 promoveu as emisoras Radio Principal en Monforte e Vilalba, e catro anos despois, TV7. Nos 90 presentou programas de grande éxito na TVG como Arestora ou Galeguidade.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet